Cunha superficie de 550 hectáreas forma parte dunha das zonas húmidas máis valiosas a nivel ambiental de toda Galicia
O Carreirón
O Carreirón é un espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura 2000 da Unión Europea. E ademais, faino a través de dúas vías:
- Como parte integrante da Zona de Especial Conservación (ZEC) Complexo Ons-O Grove (ES1140004), en base os tipos de hábitas de interese comunitario e ás especies de flora e fauna de interese comunitario existentes (segundo a Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres).
- Como parte integrante da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e lagoa Bodeira (ES0000087), a partir da presenza de especies de aves que deben ser obxecto de
medidas de conservación especiais en canto ao seu hábitat (seguindo a Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres).
Os hábitats de interese comunitario
A Directiva 92/43/CEE considera hábitats naturais ás zonas terrestres ou acuáticas diferenciadas polas súas características xeográficas, abióticas e bióticas, tanto si son enteiramente naturais como seminaturais.
Tamén define tipo de hábitat natural de interese comunitario como aquel hábitat que, no territorio da Unión Europea:
- Se encontra ameazado de desaparición na súa área de distribución natural.
- Presenta unha área de distribución natural reducida a causa da súa regresión ou debido a súa área intrinsecamente restrinxida.
- Constitúe exemplo representativo de características típicas dunha ou de varias das nove rexións bioxeográficas da UE: alpina, atlántica (na cal se enmarca o Carreirón), boreal, continental, estépica, macaronesia, del Mar Negro, mediterránea e panónica.
Ademais, considera hábitats naturais prioritarios aos tipos de hábitats naturais ameazados de desaparición, cuxa conservación supón unha especial responsabilidade para a Unión Europea tendo en conta a importante proporción da súa área de distribución natural incluída no seu territorio
O actual instrumento de xestión da ZEC Complexo Ons-O Grove e da ZEPA Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e lagoa Bodeira é o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014 de 27 de marzo), documento pendente de revisión tras ser considerado insuficiente por parte das autoridades da Unión Europea.
Na información do diagnóstico do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, considérase a existencia de 35 tipos de hábitats de interese comunitario existentes no conxunto da ZEC Complexo Ons-O Grove, seis deles prioritarios. Cómpre mencionar que a interpretación realizada difire nalgúns casos da establecida polo Ministerio de Transición Ecolóxica.
No visor cartográfico da Xunta de Galicia relativo á conservación da natureza, pódese comprobar que no Carreirón delimítanse numerosas teselas (polígonos) que inclúen un total de 24 tipos de hábitats de interese comunitario, tres deles prioritarios. Porén, dous deses 24 hábitats non se encontraron nas numerosas prospección específicas realizadas no Carreirón: trátase dos ríos dos pisos basal a montano (código 3260) e das furnas mariñas (código 8330).
Pola contra, e sempre seguindo a interpretación de tipos de hábitats na que se fundamenta a proposta da Xunta de Galicia, son cinco os tipos de hábitats de interese comunitario non recoñecidos na cartografía oficial e que consideramos representados no Carreirón: as dunas móbiles embionarias (código 2110), os prados con Molinia (código 6410), os bosques aluviais (código 91E0, prioritario), as augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (código 3110) e os queirugais húmidos atlánticos (código 4020, tamén prioritario). Os dous últimos tipos tampouco están citados para o conxunto da ZEC Complexo Ons-O Grove.
Cómpre sinalar que no Carreirón existen, ademais, outros hábitats naturais como son varios outros tipos de vexetación acuática, que non están considerados de interese comunitario. Tamén son frecuentes os piñeirais, unha cuberta vexetal orixinada pola acción humana, por tanto, non concretamente natural.
En definitiva, establécese que no Carreirón existe representación de 27 tipos de hábitats de interese comunitario, cinco deles prioritarios, que se mostran a continuación, reunidos en sete grandes grupos e algún subgrupos:
Código | Tipo de hábitat de interese comunitario |
1110 | Bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña pouco profunda |
1130 | Estuarios |
1140 | Chairas lamacentas ou areosas non cubertos pola auga na baixamar |
1160 | Grandes calas e baías pouco fondas |
1170 | Arrecifes |
1210 | Vexetación anual sobre argazos |
1220 | Vexetación perenne de coídos |
1230 | Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas |
1310 | Vexetación anual pioneira con Salicornia de zonas lamacentas ou areosas |
1330 | Pasteiros halófilos atlánticos |
1420 | Matogueiras halófilas mediterráneas e termoatlánticas |
2110 | Dunas móbiles embrionarias |
2120 | Dunas móbiles litorais con Ammophila arenaria («dunas brancas») |
2130* | Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea («dunas grises») |
2150* | Dunas fixas descalcificadas atlánticas (Calluno-Ulicetea) |
2190 | Depresións intradunares húmidas |
2230 | Dunas con céspedes de Malcomietalia |
2260 | Dunas con vexetación esclerófila do Cisto-Lavanduletalia |
3110 | Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas |
4020* | Querogais húmidos atánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix |
4030 | Queirogais secos europeos |
6220* | Pseudoestepas de gramíneas e anuais da orde Thero-Brachypodietea |
6410 | Prados con molinias sobre substratos turbosos ou arxilo-limosos (Molinion). |
6420 | Prados húmidos mediterráneos do Molinion-Holoschoenion |
8220 | Encostas rochosas silíceas con vexetación casmofítica |
8230 | Rochedos silíceos con vexetación pioneira |
91E0* | Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior |
*Hábitat prioritario