HÁBITATS
COSTEIROS E VEXETACIÓN HALOFÍTICA
Augas mariñas e medios mareais
Bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña pouco profunda (código 1110)
Depósitos de sedimentos areosos que poden ter vexetación ou non, xeralmente en profundidades inferiores a 20 m. As únicas plantas con flores existentes neste hábitat nas zonas atlánticas son as sebas (Zostera marina e Nanozostera noltii), como acontece no Carreirón.
Estuarios (esteiros, código 1130)
Zonas costeiras de topografía chan e con influencia mareal, pola que circulan canles de augas doces de procedencia continental. Pese a ausencia de ríos e de regatos no Carreirón, poderíase considerar que as pequenas lagoas existentes filtran as súas augas de maneira que existe certa influencia de augas doces.
Este tipo de hábitat pode englobar outros tipos de hábitat de interese comunitario máis específicos como son bancos de areas descubertos na baixamar (cod.1140), arrecifes (1170) ou mesmo bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña pouco profunda (1110).
Chairas lamacentas ou areosas non cubertas pola auga na baixamar (código 1140)
Superficies de escasa pendente con sedimentos areosos ou lamacentos, tapados pola auga na preamar e que fican a descuberto na baixamar. Poden estar colonizadas por comunidades de algas ou pola seba Nanozostera noltii. Son as denominadas localmente baixas, onde traballan as mariscadoras.
Grandes calas e baías pouco fondas (código 1160)
Grandes entrantes costeiros con escasa influencia de agua doce, con profundidade variable e diversos tipos de substratos e de sedimentos. Habitualmente integran outros tipos de hábitats máis específicos, como arrecifes rochosos (cod. 1170) e bancos de área ou lamacentos, tanto cubertos permanentemente (1110) como descubertos na baixamar (1140).
Arrecifes (código 1170)
Afloramentos rochosos existentes na franxa litoral, aínda que englobarían tamén outros depósitos sólidos e compactos de natureza biolóxica como os corais, existentes noutras áreas xeográficas. Xeralmente aparecen colonizados por unha gran diversidade de especies de algas e de animais bentónicos, como bivalvos e crustáceos.
Cantís marítimos, praias e coídos
Vexetación anual sobre argazos (código 1210)
Formacións de plantas anuais que crecen sobre acumulacións de restos orgánicos, depositados tanto pola marea como pola acción das ondas. No Carreirón resultan habituais os depósitos de restos de algas verdes, denominados esterco. Plantas típicas son a papoula da praia (Glaucium flavum), Cakile marítima e Honckenya peploides; esta última aparece máis puntualmente.
Vexetación perenne de coídos (código 1220)
Comunidades de plantas herbáceas perennes (noutras zonas xeográficas poden ser tamén leñosas) que crecen nos chamados coídos, acumulacións de coios, isto é, fragmentos rochosos redondeados pola erosión. No Carreirón son frecuentes neste hábitat a acelga mariña (Beta marítima) e o pirixel de mar (Crithmum maritimum), entre outras.
Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas (código 1230)
Cantís rochosos de pendente variable, colonizados por distintas cinturas de vexetación especializada, adaptada a diferentes graos de influencia de salpicaduras ou maresía de auga salgada. Nas zonas máis batidas, a vexetación só aguanta e crece nas fendas das rochas (halocasmofítica): son as comunidades de herba de namorar (Armeria pubigera) e pirixel de mar (Crithmum maritimum), frecuentes na costa rochosa do litoral oeste do Carreirón. A continuación aparecen os chamados pasteiros aerohalófilos, as matogueiras de cantil, espiñeirais de abruñeiros (Prunus spinosa) e mesmo rodais de árbores achaparradas, cinturas que crecen de forma moi puntual no Carreirón, por tratarse de costas abrigadas e con abundantes arrecifes, que suavizan os efectos da ondada.
Marismas e pasteiros salinos atlánticos e continentais
Vexetación anual pioneira con Salicornia de zonas lamacentas ou areosas (código 1310)
Franxa de vexetación marismeña cunha moderada inundación periódica por efecto das mareas, na que crecen plantas crasas. No Carreirón resulta dominante a salicornia ou herba salgada (Salicornia ramossisima).
Pasteiros halófilos atlánticos (código 1330)
Características xunqueiras mariñas que medran en zonas pouco inundadas das marismas, formando densos tapices herbáceos que acadan mais de 1 m de altura. Están compostas por un maior número de especies, entre as que destaca o xunco mariño (Juncus maritimus) ou Limonium vulgare.
Marismas e pasteiros salinos mediterráneos e termoatlánticos
Matogueiras halófilas mediterráneas e termoatlánticas (código 1420)
Formacións arbustivas que colonizan as zonas máis elevadas das marismas, frecuentemente en mosaico cos pasteiros halófilos e mesmo coa vexetación anual de salicornia. Mestúranse especies herbáceas con outras leñosas, como a verdoaga mariña (Halimione portulacoides), que resulta dominante no Carreirón, ao contrario que Suaeda vera, moito máis escasa.






