HÁBITATS

BREIXOS E MATOGUEIRAS DE ZONAS TEMPERADAS

Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix
(código 4020)

Trátase de breixos ou queirogais higrófilos, que crecen en terreos húmidos con elevada capa freática e certa tendencia turbosa. Xeralmente acadan porte medio, con alternancia de queirugas propias destes ambientes con toxos ou outras leguminosas espiñentas. No Carreirón aparece unha pequena representación, moi interesante por ser hábitat prioritario e estar situado a nivel do mar, con especies como a queiruga Erica ciliaris, o toxo macho (Ulex galli) e Genista anglicans.

Queirogais secos europeos
(código 4030)

Matogueiras de queirugas e toxos que crecen sobre substrato silíceo e solos ben drenados, secos no verán. Aparecen en formacións densas e de talla variable (0,5 a máis de 2 m), en función da súa exposición ao vento mariño e á profundidade do solo. Especie dominante é o toxo arnal (Ulex europaeus), que tinxe o Carreirón de amarelo a fin do inverno; no verán destaca a floración violeta da queiruga Erica cinerea.

Trátase de matogueiras en regresión no Carreirón polo avance dos piñeiros, das que dependen varias especies de réptis e aves ameazadas como a papuxa do mato (Sylvia undata).