HÁBITATS
DUNAS MARÍTIMAS E CONTINENTAIS
Dunas móbiles embrionarias
(código 2110)
Pradeiras pouco densas dominadas pola grama mariña (Elytrigia juncea), gramínea que se sitúa na franxa de contacto entre praia e duna, fixando a area por medio dunha espesa rede de rizomas, aínda que frecuentemente erosionada polo efecto da ondada, cando se combina pleamar con temporais ou efecto do mar de fondo. Pódense considerar os estadíos iniciais das dunas móbiles. Acompañan outras escasas especies herbáceas, como o cardo mariño (Eryngium maritimum).
Dunas móbiles litorais con Ammophila arenaria
("dunas brancas", código 2120)
Frontes dunares móbiles colonizados polo feo de praia (Ammophila arenaria), gramínea de elevado porte que crece no alto das dunas, O vento exerce papel fundamental na súa configuración, xeralmente en diferentes cordóns paralelos á praia, aínda que no Carreirón só aparece nunha única banda nas praias máis expostas, debido á situación relativamente abrigada da Illa de Arousa no conxunto da ría. Hábitat moi danado polo antigo trazado do camiño perimetral e o intenso pisoteo humano. Plantas características son tamén a leiterena Euphorbia paralias, a carrasca de San Xoán (Otanthus maritimus), a cebola das gaivotas (Pancratium maritimum) ou a correola de praia (Calystegia soldanella), entre outras.
Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea
("dunas grises", código 2130)
Tipo de hábitat dominante nas dunas do Carreirón, considerado de interese prioritario na Unión Europea. Nestas zonas o movemento de área é moi leve ou nulo, e a cobertura vexetal e case total: alternan tapices de brións e de liques con plantas con flores, tanto herbáceas como pequenas leñosas. Neste último grupo destacan especies exclusivas do litoral atlántico ibérico como o tómelo de praia (Helichrysum picardii) ou Scrophularia frutescens. No Carreirón recuperanse grazas aos valados dunares e a modificación do trazado do camino perimetral.
Dunas fixas descalcificadas atlánticas
(Calluno-Ulicetea, código 2150)
Outro tipo de hábitat de interese comunitario prioritario, que se instala sobre antigo depósitos dunares nos que o lavado da chuva e acumulación acidificante de materia orgánica provocou a súa descalcificación. Xeralmente situadas por detrás das dunas grises, están colonizadas por matogueiras nas que predominan toxos, queirugas e carpazas.
Depresións intradunares húmidas
(código 2190)
Zonas afondadas no interior dos sistemas dunares nos que a capa freática está cerca da superficie. Habituais son diferentes especies de xuncos e plantas semellantes (Juncus, Carex…), así como frecuente presenza dispersa de salgueiros (Salix atrocinerea).
Dunas con céspedes de Malcomietalia
(código 2230)
Pequenos parches situados tanto entre dunas móbiles como entre dunas fixas, provocados por procesos erosivos naturais (corredores dunares) ou ocasionados pola acción humana. Encóntranse colonizados por plantas anuais especializadas, entre as que destaca a pequena Linaria arenaria, catalogada en perigo de extinción, relativamente frecuente no Carreirón pero que só vive en moi poucos outros sitios de Galicia e Bretaña. Tamén aparecen Silene littorea ou a pequena violeta Viola kitaibeliana.
Dunas con vexetación esclerófila do Cisto-Lavanduletalia
(código 2260)
Matogueiras con baixa densidade de pequenas matas leñosas, que ocupan certas zonas de trasduna. Destacan especies de óptimo mediterráneo como a carpaza moura (Cistus salviifolius), o trovisco (Daphne gnidium) ou a xesta mansa (Osyris alba). Quizais outrora houbese no Carreirón exemplares de camariña (Corema album), arbusto que crece neste hábitat, restrinxida na actualidade a escasas localidades galegas.










